jueves, 25 de octubre de 2012

Chegou o outono

Nogueira, a  25 Outubro  2012.

Rita:
Alégrome de que che guste o teu novo colexio e que sorte que teñas un centro comercial preto da casa. Teño ganas de coñecelo porque seguro que é moi grande e ten moitas tendas de xoguetes. Espero que os meus pais me deixen ir a visitarte pronto, pero agora non lles podo preguntar porque están enfadados e discuten moito. O outro día falaban de facturas e nóminas. ¡Que palabras máis raras empregan os maiores!
Téñoche que contar unha nova: a miña irmá marchou á universidade. Teño entendido que para unha tal Coruña. Eu non sei onde está, pero din que é moi bonita e que ten praia. Síntome só. Boto de menos as noites de tertulia nas que me contaba historias de bruxas, fantasmas e terribles lendas  da Santa Compaña. Falei con ela onte e contoume que unha mañá de camiño a clase colleu o autobús equivocado e foi parar ó quinto pataco e non sabía como volver. Seguro que eu non me perdía porque coa miña brúxula chegaría a todas partes.
Di a miña avoa que o porco xa está ben mantido e xa lle queda pouco para o seu San Martiño. Vas vir á matanza? Eu quero que veñas e me axudes a facer as filloas. Mmmm, que ganas de chourizos e lacón con grelos.

O Xacobe e mais eu temos unha competición: a ver quen recolle máis castañas. De momento vou gañando eu porque o cura don Luís ten unha leira de castiñeiros e, mentres daba misa na parroquia de Penalba, entrei ás agachadas e collín un montón.
Por aí tamén tedes magosto? E na cidade tamén se fan fogueiras?
Respóndeme rápido as miñas preguntas e mándame algunha foto. Non te esquezas eh, que nos coñecemos.
Roque.

Fin do verán




Nogueira, a 7 de setembro 2012.
Ola Rita:
¿Como te atopas? Cóntoche que hoxe marcharon os nosos amigos o Manuel Tiracroios  cos seus país e Tere a estirada coa súa nai porque xa pronto comezan as clases.
Agora só quedamos os tres de sempre: Ana, Xacobe e mais eu.
¿Sabes que? Onte aproveitamos a hora da sesta para ir os tres a roubar mazás da horta da tía Vicenta. ¡Non vexas cómo se puxo a chover!
Despois fomos á leira do ferreiro a xogar a perseguir ovellas coma sempre, pero como só estabamos tres resultounos aburrido. ¿Lémbraste cando íamos á seitura e nos botabámonos sobre os montóns de palla? E como nos rimos do Manuel e da Tere porque non se querían ensuciar.

Que ben o pasabamos todos xuntos, eramos tantísimos. Estou desexando que chegue o verán outra vez para que volvamos a estar os exploradores todos xuntos.
Déixote, porque vou axudar na vendima coas miñas curmás. Espero que me escribas pronto e me contes como é o teu novo colexio.


Unha aperta,
          Roque.




miércoles, 17 de octubre de 2012

Ola bloggeros!


Nós somos Mery, Brenda e mais Nuria e estudamos 3º de Grado en Educación Primaria
Creamos este blog coa intención de tratar temas tan sinxelos como o despoboamento rural, xa que afecta a unha parte importante de nenos que habitan nas aldeas galegas.



Pretendemos que este tema actual poida ser presentado, tanto a nenos das cidades como a nenos das aldeas, dun xeito interesante e atractivo para eles; posto que, cada unha das entradas do blog suporá unha vivencia do neno presentada a modo de carta, na que a partir da súa perspectiva do mundo que o rodea abordaremos diferentes  obxectivos:

  •  Valorar o mundo rural e a súa riqueza.
  •  Apreciar a importancia da amizade, por encima da distinción cultural e social.
  •  Coñecer as diferenzas entre o medio rural e o medio urbano.
  •  Comparar as variedades paisaxísticas de ambos medios e valoralos.
  •  Distinguir as distintas ocupacións propias dos medios rural e urbano.
  •  Asimilar as consecuencias que ocasiona a perda de poboación rural.
  •  Ser capaz de enumerar os motivos do abandono do campo.
  •  Comprender a influencia da situación económica como factor principal do    desenvolvemento.