Nogueira, a 25 Outubro 2012.
Rita:
Alégrome de que che guste o teu novo colexio e que sorte que teñas un centro comercial preto da casa. Teño ganas de coñecelo porque seguro que é moi grande e ten moitas tendas de xoguetes. Espero que os meus pais me deixen ir a visitarte pronto, pero agora non lles podo preguntar porque están enfadados e discuten moito. O outro día falaban de facturas e nóminas. ¡Que palabras máis raras empregan os maiores!
Téñoche que contar unha nova: a miña irmá marchou á universidade. Teño entendido que para unha tal Coruña. Eu non sei onde está, pero din que é moi bonita e que ten praia. Síntome só. Boto de menos as noites de tertulia nas que me contaba historias de bruxas, fantasmas e terribles lendas da Santa Compaña. Falei con ela onte e contoume que unha mañá de camiño a clase colleu o autobús equivocado e foi parar ó quinto pataco e non sabía como volver. Seguro que eu non me perdía porque coa miña brúxula chegaría a todas partes.
Di a miña avoa que o porco xa está ben mantido e xa lle queda pouco para o seu San Martiño. Vas vir á matanza? Eu quero que veñas e me axudes a facer as filloas. Mmmm, que ganas de chourizos e lacón con grelos.
O Xacobe e mais eu temos unha competición: a ver quen recolle máis castañas. De momento vou gañando eu porque o cura don Luís ten unha leira de castiñeiros e, mentres daba misa na parroquia de Penalba, entrei ás agachadas e collín un montón.
Por aí tamén tedes magosto? E na cidade tamén se fan fogueiras?
Respóndeme rápido as miñas preguntas e mándame algunha foto. Non te esquezas eh, que nos coñecemos.
Roque.

No hay comentarios:
Publicar un comentario