miércoles, 28 de noviembre de 2012

Cada vez máis diferentes

Nogueira a 21 de decembro de 2012.

Ola Rita:
Recibín onte a túa carta. Alégrome de que esteas ben. Eu estou intrigado co que me contaches sobre o traballo de teu pai. Non sabía que traballaba facendo coches, como era a marca? Citraen? Ah, non… Citroën.
Hai que ver que diferentes son os traballos de nosos pais. Por exemplo, o teu pai ten un horario moi raro e estrito e ten que estar moitas horas pechado na fábrica. Mentres que meu pai ten máis liberdade, coida das vacas, aliméntaas, encárgase de que as máquinas muxidoras funcionen e axuda no parto dos becerriños.


Tamén as nosas nais teñen traballos moi distintos, a túa traballa nunha conserveira de zamburiñas e sardiñas e ten un horario moi longo. E a miña nai está a maior parte do día na casa cociñando, vai un ratiño todas as tardes á horta para ver como están os repoliños e ás veces queda un rato falando ca señora Asunción e a tía Elsita sobre os “marujeos” da aldea.

Dende que marchaches a Vigo, temos poucas cousas en común, só os mesmos gustos e as nosas aventuras e segredos.
Falando de segredos, que lle vas pedir ós Reis? Dimo que eu gárdoche o segredo. Eu voulle pedir un cadelo para xogar con el polo monte adiante.
Ben, vou onda miña avoa que vamos facer galletas para o Nadal, que hoxe non podo saír a xogar fóra porque nevou un montón.
Escríbeme axiña e cóntame o teu segredo. Mándoche unha aperta e deséxoche que pases un Bo Nadal e teñas un feliz Ano Novo, e ten coidado ao tomar as uvas, non te vaias afogar.
Do teu amigo Roque.

lunes, 12 de noviembre de 2012

Descubrindo novos territorios



En Nogueira a 20 Novembro de 2012.

Ola Rita:

Adiviña que fixen hoxe. Esta mañá coñecín A Coruña porque fun visitar a miña irmá. É grande de raio, agora entendo por que se perdeu Uxía. Había un montón de coches de todas as cores e facían moito ruído. As casas eran moi grandes, que digo casas, eran uns edificios altísimos, tanto que apenas lle daba o sol á rúa.


A xente é moi maleducada, empuxáronme tres señoras cas súas bolsas  da compra e nin perdón me dixeron. Qué abafante! Toda a xente levaba présa. Ían dun lado a outro. Ocórreche o mesmo a ti cando saes á rúa? Non entendo como che pode gustar a cidade, co bonita e tranquila que é a nosa aldea.


O único que me gustou  foi a praia de Riazor, mágoa que sexa inverno, senón dun chouto metíame na auga.

A miña irmá levounos a un centro comercial enorme, e ela di que é dos máis grandes de Europa, chámase Marineda City. Ten de todo: restaurantes, tendas de roupa e de xoguetes e un cine. É tan grande que tiven que ir da man de miña nai  para non perderme. 

A miña irmá está encantada coa cidade, xa se parece a Tere a estirada, pero eu sigo preferindo a nosa querida Nogueira. Como di a túa avoa onde estean as miñas vacas que se quiten os ordeñadores. 

Déixote, vou apañar a leña co meu pai. Escríbeme pronto antes de que neve e non me poida chegar a túa carta.
Roque.