miércoles, 12 de diciembre de 2012

Actividades



A actividade que propomos para descifrar as diferenzas da vida dun neno do rural e outro da cidade consiste en levar a cabo o intercambio de correspondencia entre dous colexios situados en entornos sociais diferentes: un colexio estará ubicado nunha aldea e outro estará localizado nun entorno urbano.

Os nenos dun dos centros intercambiarán cartas con outros do seu mesmo nivel educativo para amosarlles como viven eles no seu entorno e así poder comparar os seus modos de vida cos dos seus compañeiros. 

Logo, a partir das diferenzas que van encontrando dos modos de vida dos seus amigos por correspondencia deberán elaborar un mural no que se compare a vida da cidade e do campo.

Deste modo os nenos viven a historia do blog e constrúen os conceptos do despoboamento rural a través das súas propias experiencias.
Para levalo a cabo, as cartas serán enviadas aos colexios e serán os profesores os encargados de repartilas.
Esta actividade pode desenvolverse nun trimestre, para facilitar que os nenos reciban cartas de abondo e poidan adquirir suficientes caracteristicas a comparar.


Lembranzas do pasado




                                               Santiago de Compostela,  14 de abril de 2022

Hoxe atopei as nosas cartas e volvín a aquela doce infancia. ¡qué tempos aqueles nos que faciamos trasnadas! ¿Acórdaste da pita de don Luís? Sigo agardando polo pitiño que me ías regalar. 

Lémbraste da carta que me mandaras contándome que coñeceras Coruña e que non  cambiabas Nogueira por nada? ¿Quen che ía dicir a ti que deixarías Nogueira para ir a estudar a Universidade de Santiago comigo? E agora a cidade gústache tanto coma a nosa querida Nogueira. 

Aínda me lembro do tempo que vivín fóra de Nogueira, custárame un montón adaptarme,  era todo tan diferente, aínda que fixera amigos pronto, só me gustaba escribirche cartas para contarche todo o que me pasaba e encantábame recibir a túa resposta. 

A vida da miña familia cambiou moito cando meu pai perdeu o traballo e tivemos que volver a Nogueira porque a vida en Vigo era moi cara. Pero todo empezou a ir para ben cando meus pais abriron a panadería que tanto éxito tivo. 

Estou moi agradecida porque o mellor daqueles días foi terte a ti comigo animándome e levándome de paseo pola aldea adiante e facéndome rir coas túas ocurrencias. 

Alégrome de ter voltado a Nogueira porque puidemos vivir moitas aventuras xuntos, reforzar a nosa amizade e grazas a iso agora temos algo especial.

Nunca esqueceremos todas aquelas vivencias que compartimos e estas cartas son a proba do cariño que sempre nos tivemos. 



Rita e Roque.

Xuntos de novo



Nogueira , 28 de Xaneiro de 2013.

Ola Rita:

Ai Rita, estes de Correos son uns incompetentes, ¿podes crer que aínda me chegou  hoxe a túa carta? 

Pois que saibas que a pesar de que ti xa levas unha semana aquí en Nogueira, faime ilusión contestarcha e ao rematar voucha deixar no buzón da túa casa.

Sei que estes días telo pasado mal porque ves a túa nai triste pola perda do emprego do teu pai, mais a min non me gusta  verte así con esa cariña tan entristecida. Por iso, propóñoche un plan! Que vaiamos mañá a tarde a cazar saltamontes.

Alégrome de que volveses  e máis aínda que poidamos ir xuntos á escola. Agora xa somos tres máis na aldea, ¡qué ben! A ver se se vai enchendo de rapazas guapas coma ti.

Vouche confesar algo… Pensei que ao volver da cidade serías unha estirada máis como a Tere, pero ti segues sendo igual e séguenche gustando as mesmas falcatruadas de sempre.

Acórdate mañá de non pasar pola igrexa, que o cura don Luis ándanos buscando porque lle escapei cunha pita. Téñolla que devolver cando me poña os ovos, que quero ver se ten pitiños e así regáloche un.
Agora xa non vai ser necesario que nos escribamos máis cartas, porque te vou ver todos os días. Non esquezas o bote de vidro para os saltamontes.

Véxote logo. 

Roque.